Broza, Santo Tomé da
Freguesía pertencente ao arciprestazgo do Saviñao que, en 1991 tiña 226 habitantes agrupados nas entidades de Agrelos, Agroxói, Albariza, A Broza, Ourigo, Rebordondiego, Ribela, Ribeira, Vilarello, Xesto e Sixiriz, sendo a densidade media, para o mesmo ano, 12’9 hab./Km2. Os primeiros datos documentais desta congregación remítennos ao século XV, cando a capela de Santa María coas súas propiedades, na aldea de Ribela, pertencía ao Señor de Framil. Todo o termo parroquial está cheo de restos históricos: xacementos megalíticos, construcións civís como a Casa da Torre ou a do Herrero. En canto ao seu patrimonio relixioso, está composto polo templo parroquial do século XVII e cinco capelas, entre as que destacan as de Rebordondiego e Sixiriz, ambas do século XVIII.